Tes unha relación complicada coa túa nai que che gustaría mellorar?
Pois aterrando de novo nos problemas cotiás, máis alá da COVID-19, que por desgracia segue con nós, preséntoche hoxe:
5 claves para mellorar a relación coa túa nai.
Claves que en realidade poderás aplicar con calquera persoa coa que teñas algún tipo de conflito. E fareino dunha forma tan práctica que che será moi fácil adaptala ao teu caso particular:
Analizarei o CASO REAL de Jill e a súa nai dende o Método Anti-Círculos Viciosos.
Xa me contarás se algunha das estratexias que lle serviron a Jill foron aplicables dalgún xeito ao teu propio círculo vicioso! Estás preparad@?
QUEN É JILL E QUE PROBLEMAS TEN COA SUA NAI?
AS 5 CLAVES DO MÉTODO MÉTODO ANTI-CÍRCULOS VICIOSOS APLICADOS AO CASO DE JILL
Refrescamos os pasos a seguir antes de empezar?
Pista: A solución é o problema. Lémbraste?
- Repasaremos con Jill tanto as solucións que teñen intentado para resolver o problema, como os resultados obtidos. Tenlle funcionado algunha?
- Que crenzas hai detrás deses intentos de solución que non parecen funcionar? Pois como a tortilla, xiro de 180º a todas elas!
- Dende o novo enfoque 180º diferente, que cousas concretas, e diferentes ás que non lle teñen funcionado ata agora, podería facer Jill?
- Pedirémoslle a Jill que se coloque a bata de investigadora para observar e rexistrar cada nova solución intentada e os efectos que estas producen sobre ela mesma, na súa nai e na relación entre ambas. Teñen tamén consecuencias noutros ámbitos ou persoas?
- Que estratexias si están a funcionar? A técnica do termómetro axudará a Jill a darse conta de que o perfecto non debe ser inimigo do bo.
Complicado? Seguro que paso a paso velo máis claro. Imos alá!
Clave 1ª: Analizar as solucións intentadas ata agora, sen éxito
- Jill defendíase dos ataques da súa nai, e expresaba continuamente o mal que lle facía sentir e como aos seus irmáns non lles esixía tanto como a ela.
- Resultado: A discusión empeoraba e Jill nunca conseguía que lle dera a razón, moi ao contrario, recibía aínda máis críticas polo seu “mal carácter”.
- Tratou de facer as cousas “ben”, da forma que a Sra. Gordon lle indicaba que debía facerse.
- Resultado: Nunca chegaba a conseguir facer as cousas como a súa nai quería. A súa autoestima acababa cada vez máis danada.
- Ante as acusacións de filla egoísta, Jill esaxerou os seus intentos por facer cousas pola súa nai, pasando máis tempo con ela, chamándoa máis…
- Resultado: Nunca era suficiente e canto máis tempo pasaba con ela, peor se sentía Jill.
- Intentou entendelo comportamento da súa nai co fin de xustificala e de encontrala fórmula idónea para axudala: tivo unha infancia difícil, non superou a morte do seu marido, encontrábase soa, maior…
- Resultado: Intentar entender o porqué, non lle axudou nin a encontralo como, nin a sentirse mellor. Moi ao contrario, facíalle sentir aínda máis culpable por non saber axudar a súa nai, que tan mal o tiña pasado na vida. (Isto dáme idea dun futuro post “Os perigos da empatía”)
Clave 2ª: Que crenzas había trala forma de actuar de Jill ante el problema?
- Crenza 1: Miña nai séntese mal e é o meu deber como filla intentar facerlle sentir mellor, sen importar como isto me afecte a min. Pensar no meu propio benestar é egoísta.
- Xiro 180º: Eu non son a responsable de que miña nai se sinta mal polos motivos que sexan, nin teño o poder para cambiar iso. O deber como filla ten como límite o propio benestar.
- Crenza 2: Como filla, teño maior responsabilidade no coidado de miña nai, que os meus irmáns.
- Xiro 180º: Os meus irmáns e eu temos a mesma responsabilidade respecto ao coidado da nosa nai.
Clave 3ª: Cambio de estratexia traballado en terapia, que empezou Jill a facer distinto?
1. Limitou o contacto coa súa nai: baixou a frecuencia de visitas e de chamadas telefónicas ás estritamente necesarias, mostrándose menos disposta a facer cousas por ela, seguía estando dispoñible e respondía se lle pedía facer algo, pero xa non era tan frecuente.
2. Cando nalgún dos seus contactos recibía críticas e/ou reproches, Jill mostrábase de acordo e non só non discutía con ela cando lle dicía o que tiña que facer, senón que incluso lle pedía consello en varias ocasións. Jill non seguía o consello habitualmente, nin cambiaba a conducta que a súa nai criticaba, pero tampouco a desafiaba.
3. Ante calquera oportunidade, Jill recoñecía as súas propias limitacións e alagaba aos seus irmáns ante a súa nai.
4. Asistía menos ás reunións familiares e cando o facía, sen dar explicacións, íase en canto comezaba a se sentir incómoda. Cando algunha vez, a Sra. Gordon lle reprochaba isto, ela dicíalle “Quizais teñas razón, non sei que me pasa, estou moi sensible ultimamente, desculpa se vos teño feito sentir mal” Sen entrar a discutir aquilo que tiña provocado o seu enfado ou quen tiña a culpa, pois xa sabía por experiencia, que entrar niso, enredaríaa nunha discusión inútil que deixaría afectadas a ámbalas dúas.
Entendo que técnicas utilizadas como a de Perdela razón para gañar efectividade, poda xerarte dúbidas. Paréceche que incita á falsidade ou submisión, verdade? Pois grazas! As túas oportunas dúbidas, danme material para o próximo post! (acumúlaseme traballo! 😉)
Clave 4ª: Conseguiu Jill mellorar a relación coa súa nai?
Non só conseguiu mellorar a relación coa súa nai, senón que conseguiu outras moitas melloras:
Melloras en Jill
Melloras na Sra. Gordon
Melloras na relación entre ambas
Melloras con outras persoas
Cos seus irmáns: Sen buscalo directamente, ao non se mostrar sempre dispoñible, conseguiu que os seus irmáns non tiveran máis remedio que se implicar máis. Ao implicarse máis, empezaron a entender mellor a Jill e a apoiarse algo máis en determinadas cuestións. As diferenzas seguían existindo, pero agora tamén existían zonas comúns.
Con seu marido e fillas: O benestar de Jill supuxo tamén melloras na relación co seu marido e fillas. Deuse conta de como ese malestar en ocasións tíñalle feito ser inxusta coa súa propia familia. Isto levoulle a pensar que ese negativismo da súa nai que seguía sen cambiar, nada tiña que ver coa súa valía como filla, senón que podería ser unha forma de expresar o seu propio malestar con quen máis quería. Esta nova teoría, certa ou non, axudáballe a calmar resentimentos e por tanto a sentirse mellor!
“Vualá!: Chao Círculo Vicioso, teño mellores plans con un Círculo Virtuoso 😉”
Clave 5ª: Que o perfecto non sexa inimigo do bo.
O perfecto: Malestar 0
O bo: de malestar 8-10 a malestar 1-5
CQ-CONSELLOS FINAIS
Anímate a aplicar estas 5 claves do Método Anti-Círculos viciosos a eses problemas que das por imposibles. E lembra poñerlles o termómetro do malestar, para tomar consciencia das batallas gañadas. Porque quizais non che fagan gañar de todo esa guerra, pero si outras moitas, sen buscalo!Que llo digan á familia de Jill!
Que che pareceu? Crees que podes sacar ideas útiles para o teu caso particular? Compárteas con nos, seguro que como o caso de Jill, serve de axuda a moitas persoas en situacións similares. Anímaste?
Gustoume o artigo, paréceme moi claro e útil.